Asociación Xuve...'s profileAsociación Xuvenil Xirad...PhotosBlogListsMore Tools Help

Blog


    October 02

    4ª Ruada. A.X. Xiradela (18 de Outubro - 23:00h)

    Cartel_4_Ruada_(2008)
     
    Como todos estes anos o vindeiro 18 de Outubro a partir das 23:00h celebramos a 4ª Ruada ó carón do centro cívico de Arteixo. Esperamos a vosa visita.
    September 22

    Actividades Curso 08-09

     
    Informámosche que, neste mes de Setembro, abrimos o prazo de matrícula para renovar a condición de socio e para inscribirse nas actividades do vindeiro curso 2008/2009.
     
    DATAS E HORARIOS DE MATRÍCULA
    • Dende o 15 ata o 19 de Setembro para os socios, de 20:30 a 22:30h
    • Dende o 22 ata o 26 de Setembro para os non socios, de 20:30 a 22:00h

    A matrícula realizarase no local da Asociación (Polígono de Sabón nº5, Arteixo) 981.641.125

    ACTIVIDADE                      IDADES                           HORARIO

    BAILE TRADICIONAL            Dende 3 anos                 Variable segundo a idade

    PANDEIRETA                        Dende 5 anos                 Variable segundo a idade

    TAMBORIL                            Dende 8 anos                 Xoves 20:00/21:00h

    FLAUTA/GAITA                      Dende 8 anos                 Variable segundo a idade

    GUITARRA                             Dende 9 anos                Sábado: Inic: 11:30/12:30; Perfcc: 12:30/13:30h

    BAILE MODERNO NENOS         De 6 a 12 anos              Venres 19:00/20:00

    DEBUXO E PINTURA                De 7 a 12 anos              Luns 18:30/20:00

    DANZA DO VENTRE                 Dende 12 anos              Luns 19:30/21:00

    DANZA DO VENTRE NENOS      De 7 a 12 anos             Luns 18:30/19:30

    ACORDEÓN                                                               Venres 20:00/21:30

    April 29

    "Chiculateiras" acada un novo premio para Xiradela

    O pasado domingo 27 de abril celebrouse no Teatro Colón de A Coruña o XIX Concurso de Música Tradicional organizado pola Asociación Xuvenil Xacarandaina. Neste certame, tomaron parte dous grupos da escola de pandeireta de Xiradela: "Zapicada" e "Chiculateiras", ambos encadrados na categoría B, para rapaces e rapazas de entre 10 e 13 anos. Ámbalas dúas formacións ofreceron unha grande imaxe, acadando as "Chiculateiras" o 2º premio da citada categoría.
     
    ¡¡¡¡Norabóa rapazas!!!!
    April 15

    Resultados do IX Concurso de Música Tradicional

     
     
     
    Velaquí os resultados do IX Concurso de Música Tradicional que vimos de celebrar os dous últimos domingos no Centro Cívico Cultural de Arteixo.
     
    CUARTETOS DE GAITAS:

    1º PREMIO:
    Retrouso
     
    2º PREMIO: Os Intrépidos Da Ulla
     
    3º PREMIO: Comarea

    GAITEIROS SOLISTAS:

    1º PREMIO: Ricardo Manuel Mouriño Freire

    2º PREMIO: Adriana Rivas Seijo

    3º PREMIO: Roberto Aller Alcalde
     
     
    PANDERETEIRAS/OS:

    CATEGORÍA A: (ata os 10 anos)
    1º PREMIO: "Meniñas" do grupo de pandereteiras Tarambainas, Lavadores-Vigo
    2º PREMIO: "Pedravixía" da A.C. Adro de Baio
    3º PREMIO: "Regalía" da AA.VV A Coteleira de Cores-Nemeño

    CATEGORÍA B: (de 11 a 13 anos)
    1º PREMIO: "Morazón" da A.M.D.T. Queiroa de Mondego-Sada
    2º PREMIO: Grupo "C" da Escola de Muiñeira Cantigas e Agarimos
    3º PREMIO: "Maiola" da Asociación Cultural Virxen da Saleta de Silván

    CATEGORÍA C: (de 14 a 17 anos)
    1º PREMIO: "Taín" da A.C. Adro de Baio
    2º PREMIO: "Névedas" da Agrupación Cultural Arume de Verdillo
    3º PREMIO: "Grialia"

    CATEGORÍA D: (de 18 anos en diante)
    1º PREMIO: Pandereteiras "Os Muíños de Oliveira"
    2º PREMIO: "Velaí Ven" da A.C Donaire
    3º PREMIO: "Trebellos" da A.X. Regueifa
     
     
    February 18

    IX Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela

    Os vindeiros días 6 e 13 de abril terá lugar a novena edición do Concurso de Música Tradicional organizado pola Asociación Xuvenil Xiradela.

    As bases que rexirán ó mesmo son as seguintes:

    1. É un concurso no que poderán participar grupos de asociacións xuvenís, culturais e recreativas, folclóricas, de veciños, etc..., que o desexen.

    2. Constará de tres modalidades: grupos de pandereteiras, cuartetos de gaitas (deberán estar formados por: dúas gaitas, tambor e bombo) e gaiteiros solistas (poderán levar, ou non, un acompañamento de percusión).


    3. Na modalidade de pandeireta haberá catro categorías, que dependerá da idade da maioría dos compoñentes:
     
    • CATEGORÍA A: ata os 10 anos.
    • CATEGORÍA B: de 11 a 13 anos.
    • CATEGORÍA C: de 14 a 17 anos.
    • CATEGORÍA D: de 18 anos en diante.
    Nas modalidades de cuartetos de gaitas e gaiteiros solistas, haberá unha soa categoría sen límite de idade.

    4. Os grupos participantes poderán ser: femininos, masculinos ou mixtos, sendo obrigatorio o uso do traxe tradicional. 


    5. Os participantes poderán concursar en tódalas modalidades, sen embargo non poderán concorrer en máis dun grupo en cada unha delas. Na modalidade de cuartetos de gaita, sí poderán participar en máis dun grupo, sempre e cando non sexa tocando o mesmo instrumento.

    6. Os premios serán os seguintes:

    PANDERETEIRAS:

    CATEGORÍA A e B:

    • 1º premio: Trofeo e 200 €
    • 2º premio: Trofeo e 150 €
    • 3º premio: Trofeo.
    • Premio ó mellor vestiario en cada categoría

    CATEGORÍA C e D:
    • 1º premio: Trofeo e 250 €
    • 2º premio: Trofeo e 150 €
    • 3º premio: Trofeo.
    • Premio ó mellor vestiario en cada categoría

    CUARTETOS DE GAITAS:
    • 1º premio: Trofeo e 250 €
    • 2º premio: Trofeo e 150 €
    • 3º premio: Trofeo.
    GAITEIROS  SOLISTAS:
    • 1º premio: Trofeo e 200 €
    • 2º premio: Trofeo e 150 €
    • 3º  premio: Trofeo.

    7. Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos, para interpretar a/ás peza/s coas que tomará parte no certame. O grupo que sobrepase dito tempo quedará descalificado.

    8. No momento da calificación o xurado terá en conta:

    • Autenticidade da peza, que terá que ser tradicional (no caso dos cuartetos de gaitas e gaiteiros solistas a peza pode ser recollida ou de composición).
    • Dificultade da mesma.
    • Afinación e interpretación.
    9. O concurso terá lugar o día 6 de Abril de 2008 ás 17:00 para os Cuartetos de Gaitas e Gaiteiros Solistas, e o día 13 de Abril de 2008 con horario de mañá e tarde (aínda por determinar), para os Grupos de Pandereteiras, no Centro Cívico Cultural de Arteixo. A hora de presentación, orde e normas serán enviadas previamente.

    10. A folla de inscripción deberá chegar debidamente cumprimentada ó local da Asociación (Polígono de Sabón, 5 15142 Arteixo), antes do 14 de Marzo de 2008. Poderanse enviar tamén os seguintes correos electrónicos:

    • concursogaitacuartetos@yahoo.es
    • concursogaitasolista@yahoo.es
    • concursopandeireta@yahoo.es
    (segundo a modalidade na que se participe)

    11. O xurado será nomeado pola A.X. Xiradela, e os seus fallos e acordos serán inapelables.

    12. A participación no concurso implica a total aceptación destas bases. Non se admitirá ningún cambio fóra do prazo de inscripción. Asimesmo, a organización resérvase o dereito de esixir o D.N.I. ou o libro de familia de calquer participante, que semelle dúbida da idade, ben a requerimento de calquera agrupación, membro do Xurado ou que estime oportuna a Comisión Organizadora. En caso de negarse ou non presentalo quedará descalificado.

    13. Unha vez rematada a actuación de tódolos participantes e a avaliación do Xurado darase a coñecer os nomes dos gañadores, facéndose entrega dos premios acadados. O día 6 de Abril de 2008 daranse a coñecer os premios dos Cuartetos de Gaitas e Gaiteiros Solistas e o día 13 de Abril de 2008 os de Pandereteiras. (Categoría A e B pola mañá e categoría C e D pola tarde).

    14. Nesta convocatoria non participarán os grupos da A.X. Xiradela.

    15. Calquera dúbida que queirades consultar será atendida pola A.X. Xiradela nos teléfonos:
    • Teléfono: 981 64 11 25
    • Tlf. Móbil: 646 87 59 53 (mañás) / 676 23 37 48 (tardes)
    ou ben na dirección de correo electrónico: xiradela@yahoo.es


    Se queredes descargar as bases do concurso e maila folla de inscrición no mesmo, aquí tedes os enlaces correspondentes:
    No caso da folla de inscrición trátase dun documento Word no que xa podedes cubrir os vosos datos directamente para enviarnolos á dirección de correo electrónico correspondente á modalidade na que vos queirades inscribir.

    Nota: para os que non esteades familiarizados coas descargas dende Rapidshare non vos asustedes porque resulta bastante doado. Non tedes máis que premer en calquera dos enlaces anteriores e seredes conducidos a páxina de Rapidshare. O único que tedes que facer entón é premer no botón que pon "Free". Entón, pediravos que introduzades un código. Unha vez introducido, premedes o botón "Download xxxx" (xxxx será o nome do servidor do que descarguedes o documento pero é irrelevante), e despois duns segundos, iniciarase a descarga.







    December 16

    Xiradela segue colleitando 'boas novas'

    Os periódicos "La Voz de Galicia" e "La Opinión de A Coruña" recollen, na súa edición de hoxe,  a entrega do XVI Premio IAR de Folclore Galego a Xiradela, que tivo lugar onte á noite durante a celebración do Festival Folclórico que o Grupo de Bailes Populares IAR ofreciu no Teatro Rosalía de A Coruña para conmemorar o seu 25º aniversario.

    Se queredes ver os artigos aquí vos deixamos unhas ligazóns:

    Por outra banda, queremos agradecer a felicitación que con motivo deste premio nos fixo chegar a Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir a través do seu blog (se queredes velo premede aquí ou consultade a sección Webs de interese). Grazas compañeiros!!!!


    December 15

    Xiradela acada o XVI Premio IAR de Folclore Galego

    Como xa anunciara na súa edición do luns 3 de decembro o periódico "El Ideal Gallego" (para ver o artigo pulsade aquí), esta tarde farásenos entrega do XVI Premio IAR de Folclore Galego en recoñecemento a nosa traxectoria ó longo destes 25 anos. Será no Teatro Rosalía de A Coruña, no marco do Festival Folclórico que organiza a tal efecto o Grupo de Bailes Populares IAR e que, nesta ocasión, serve tamén como celebración do seu 25º Aniversario.


    December 02

    Máis mencións á Gala "Xiradela 25 anos"

    Mirade o que acabamos de atopar navegando pola rede de redes: trátase dunha nova mención ó espectáculo do pasado 17 de novembro, así como un par de fotos nas que se pode ver ós bailadores e bailadoras da 2ª e 4ª xeración interpretando Pandeiretada de Caión e Jota, muiñeira e valse de Padreiro de Castriz respectivamente. Aquí vos deixamos o enlace e mailas fotos.


    Bailadores e bailadoras da 2ª xeración



     Bailadores e bailadoras da 4ª xeración

    Grazas á xente de Frouma.




    November 29

    Dúas mencións na prensa comarcal ós premios de Repenicoque

    Aquí vos quedan as ligazóns ós artigos publicados por La Voz de Galicia o luns e o martes na súa edición de Carballo, nos que se fai mención ós premios acadados polo grupo Repenicoque no concurso celebrado o pasado domingo.

    Acompañámolos da foto que aparece no xornal do martes ó pé do citado artigo, na que se poden ver algunhas das mozas e mozos de Xiradela que participaron nese certame.








    November 26

    Parabéns Repenicoque!!

    Despois dunhas semanas protagonizadas polos actos de celebración do noso 25º Aniversario , a Escola de Baile volve a estar de actualidade: neste caso pola actuación do grupo "Repenicoque"  que acadou o 2º premio na categoría C e o premio ó mellor vestiario no III Concurso de Baile Tradicional organizado pola Asociación Cultural Santa María de Torás que tivo lugar este pasado domingo no Pavillón Deportivo do IES Agra de Leborís de A Laracha.

    ¡¡¡¡¡Norabóa compañeiros e compañeiras!!!!!


    November 18

    A gala "Xiradela 25 anos" na prensa

    Os xornais La Opinión de A Coruña e El Ideal Gallego fanse eco nas súas respectivas edicións de hoxe da celebración da gala "Xiradela 25 anos" onte no Teatro Colón de A Coruña.

    Aquí vos deixamos un enlace á noticia que aparece na edición dixital de La Opinión de A Coruña, así como a foto que acompaña á mesma.





    Bailadores da 4ª xeración interpretando Jota da Fonsagrada




    November 13

    Últimas entradas para a Gala "Xiradela 25 anos"

    Ante a grande demanda que houbo nos ultimos días temos que anunciar que quedan moi pouquiñas invitacións dispoñibles para a Gala "Xiradela 25 anos" que se celebrará o vindeiro sábado.

    Así que se estades interesados en acompañarnos nesta festa apresurádevos a recoller a vosa invitación no local de Xiradela. O horario de recollida das mesmas é de 20:00 a 22:00 h. e tedes de prazo ata o venres.

    Para máis información chamade o teléfono 626654619.
    November 05

    Gala "Xiradela 25 Anos"

    O vindeiro día 17 de novembro ás 21:00 terá lugar no Teatro Colón de A Coruña a celebración da Gala "Xiradela 25 anos".

    Este espectáculo, que forma parte do programa de actos organizados para celebrar as nosas vodas de prata, pretende ser un percorrido polos nosos primeiros 25 anos de historia, unha viaxe pola memoria na que rescataremos recordos, vivencias, imaxes, músicas e bailes que marcaron o paso das diversas xeracións de mozos e mozas que formaron e forman parte das agrupacións máis senlleiras da Asociación: o Grupo de Gaiteiros, as Pandereteiras e o Grupo de Danza.

    Se nos queredes acompañar nesta nosa festa de aniversario, sabede que a entrada é de balde, por invitación, e que, para conseguilas, non tedes máis que solicitalas no número de teléfono 626654619 e/ou achegarvos ata o local de Xiradela para recollelas, a partir do día 9 de novembro para os socios, e dende o día 12 para o público en xeral, en horarios de 20:00 a 22:00 h. durante a semana, e sábados de 12:00 a 14:00 h.


    Vémonos alí. Non faltedes!!!!




    September 11

    A Exposición en "La Voz de Galicia"

    O xornal "La Voz de Galicia" faise eco, na súa edición de hoxe, da inauguración da exposición "Xiradela 25 anos" que tivo lugar onte á tarde na Sala de Exposicións do Centro Cívico e Cultural de Arteixo. Se queredes ver a noticia, pinchade aquí.

    Velaquí tedes a foto que acompaña ó citado artículo:


    Parte do equipo responsable da montaxe da Exposición un intre antes de inaugurala.

    September 02

    Nerea, estrela no YouTube

    Navegando pola Rede pódense atopar centos de cousas curiosas. Desta vez tivemos a sorte de atopar o seguinte vídeo:


     

    Aquí está Nerea na súa actuación con Carlos Núñez no "Pequeno Gran Show" da TVG. Para os que non a coñezades, dirémosvos que Nerea é unha rapaza de 9 anos, socia de Xiradela e unha das alumnas das nosas  Escolas de Música e Baile, que, como afirma o presentador, vai camiño de converterse nunha grande da música. Como podedes comprobar, talento non lle falta. Polo pronto, co seu vídeo, que recibiu case  5000 visitas nos seis meses que leva colgado, estase a converter nunha estrela do YouTube. 
    August 31

    Exposición "Xiradela 25 anos"

    O vindeiro día 10 de setembro inaugurarase na sala de exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo a exposición "Xiradela 25 anos". Encadrada dentro dos actos conmemorativos do noso 25º Aniversario, esta exposición, que permanecerá aberta ata o día 29 de setembro, pretende ser un percorrido polos 25 anos de historia da Asociación a través de fotos, recordos, vídeos,...

    Non perdades a oportunidade de achegarvos un pouquiño máis a nosa historia

    August 01

    Currículo do Grupo de Danza

    O grupo de danzas da Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo nace no seno da citada asociación no ano 1982. O grupo está formado por trinta compoñentes dividido en grupo de gaiteiros, pandereteiras e bailadores/as. A súa directora é Rocío Broz Rodríguez.

    A finalidade fundamental do grupo é a  investigación folclórica, pretendendo  reconstruir e recuperar bailes, músicas, costumes, etc. dentro da máis pura tradición galega. A tarefa de investigación do grupo exténdese por diversas zonas da xeografía galega.

    Además da tarefa investigadora, o Grupo de Danzas da A. X. Xiradela ten igualmente como obxetivo a divulgación do material recollido e reconstruido. Así, o grupo de bailadores e  músicos acercan á xente estos traballos nas súas actuacións, asegurando, por outra parte, a perpetuidade de éstos na memoria colectiva do noso pobo. Asimesmo, a Asociación traballa na conservación da música e danza  tradicional galega mediante a ensinanza aos máis pequenos e xóvenes (a asociación conta cunha escola de baile e música con máis de trescentos rapaces).

    Por outro lado, Xiradela presentou o noso folclore fora de Galicia e organizou  intercambios folclóricos e culturais con outros países e autonomías: diversas comarcas de Portugal-norte e sur, grupos da Bretaña francesa, Asturias, León, Zaragoza, Salamanca, etc. As pezas que o grupo interpreta están acompañadas polo grupo de gaiteiros ou o de pandereteiras, según a súa orixe. Dentro do repertorio pódense atopar: muiñeiras, xotas, maneos, pandeiradas, pandeiretadas, ruadas, muiñeiras corridas, etc.

    O grupo actuou por toda a xeografía galega en festivais, romerías, festas populares. Disfrutou de diversos convenios coa Excma. Diputación Provincial de A Coruña, e recorreu todas as parroquias do seu municipio polo convenio de actuacións que mantén co  Concello de Arteixo.

    Tamén participou  en diversos festivais  a niveis autonómico, estatal e internacional, algúns organizados pola Asociación como:

    • Festival galego - portugués. Xullo de 1991 (Arteixo)
    • Intercambio galego-portugués. Agosto de 1991 ( Arteixo).
    • Intercambio dos pobos do Norde. Agosto de 1992 ( León, Asturias).
    • Intercambio galego-bretón. Maio de 1993. (cunha delegación de corais  bretonas).
    • Intercambio galego-aragonés. Agosto 1993.

    Da mesma maneira, o grupo trasladouse a diversas comarcas portuguesas, e diversos festivais organizados en Asturias, León, Cataluña, Salamanca, Segovia, Murcia etc.Tamén actuou como representante de Galicia no XV Aniversario do Festival Intercéltico de Lorient ( Francia) no ano 1995, no Festival folclórico de Rotterdam ( Holanda) no ano 2003, no XX Festival de música galega en Barcelona no ano 2004 e nas Xornadas de Folclore Galego 2004 en Santiago de Compostela. Asimesmo participou en diversas ocasións en programas da TVG...

    Entre os diversos premios que conseguiu o grupo cabe destacar o 1º premio no ano  1990 no Festival Folclórico Internacional en Pineda de Mar ( Barcelona) e a medalla de prata nas Xornadas de Folclore Galego en Santiago de Compostela no ano 1991, así como diversos premios para o grupo de gaiteiros e pandereteiras en diferentes concursos.

    Asimesmo, o grupo de pandereteiras participou na grabación dos  discos de  Carlos Núñez  “A Irmandade das Estrelas" e “Amores Libres”. Colaborou en catro temas do disco ”Caminhos” da cantante portuguesa Dulce Pontes e participaron con cinco temas na grabación do disco “Ruta folk terra galega” e con tres temas no disco ”Pandereteiras”. Actualmente contan con disco propio “Xiradela”( 11 temas), grabado no ano 2002.

    July 27

    Un ano de éxitos para as Escolas

    O pasado día 15 de xullo rematou, coa participación dos grupos da Escola de Baile "Carabilla" e "Repenicoque" no XXVIII Concurso de Baile Tradicional organizado pola Asociación Xuvenil Xacarandaina, a actividade dos grupos das Escolas de Baile e Música da Asociación.

    E non puido rematar de mellor forma, pois o grupo "Repenicoque" acadou o 3º premio da categoría D . Aquí podedes ver un resumo do ocurrido nesa categoría:

     


    A este premio temos que engadir os que aparecen listados a continuación, que foron conseguidos ó longo deste último curso polos diversos grupos da Asociación:
    • 1º premio da categoría A do II Concurso de Pandereteiros/as da A.C. Os Muiños de Oliveira acadado polo grupo "Chiculateiras"
    • 1º premio da categoría A da modalidade de Pandereteiras do XVIII Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xacarandaina acadado polo grupo "Zapicada"
    • 3º premio da categoría B da modalidade de Pandereteiras do XVIII Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xacarandaina acadado polo grupo "Chiculateiras"
    • 2º premio da categoría A da modalidade de Cuartetos de Gaitas do XVIII Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xacarandaina acadado polo grupo "Furabolos"
    Estes resultados amosan a bóa saúde da que gozan as Escolas da Asociación e esperamos que sirvan de inspiración para que tódolos rapaces e rapazas da Escolas continúen traballando coa mesma ilusión. Dende aquí, a nosa felicitación a tódolos grupos premiados.
    July 24

    Un pouco de historia

    No verán do ano 1.980 un grupo de amigos e amigas  decide reunirse coa finalidade de disfrutar do tempo de lecer. Todos comparten unha mesma afición: o baile tradicional. Forman un grupo de baile e inician unha serie de trámites que os conducen a súa oficialización como asociación. Así, o día 15 de Maio de 1982 nace a Asociación Xuvenil Xiradela con sesenta socios.

    Nun primeiro momento a única actividade que se impartía na Asociación era baile tradicional pero, co paso dos anos e ante o incremento do número de socios, a oferta foise ampliando, primeiro con actividades vencelladas ó folclore como as de pandeireta, tambor e gaita, e posteriormente con outras actividades de tempo libre  como excursións, acampadas, visitas culturais e talleres como os de teatro, manualidades, fotografía, guitarra, encaixe,…algúns dos cales, como o de teatro chegou a ter unha grande relevancia pola súa actividade e premios acadados; se ben a recuperación do folclore da nosa terra constitúe o eixo principal da nosa actividade.

    A Escola de Baile iníciouse, como se dixo anteriormente, con sesenta rapaces, divididos en grupos segundo a idade, contando na actualidade con máis de douscentos alumnos que forman a canteira do Grupo de Danza,  máximo representante da Asociación.

     A Escola de Música Tradicional xorde como unha necesidade do Grupo de Danza de ter os seus propios grupos de acompañamento. Deste xeito no ano 1986 créase o Grupo de Pandereteiras e un ano despois o Grupo de Gaiteiros, os dous con carácter estable. Deses dous grupos de música de acompañamento nace o que  hoxe é a Escola de Música Tradicional. Na actualidade conta con  oitenta alumnos. 

    O Grupo de Danza da Asociación, en representación da mesma, participa nos diversos intercambios, concursos e festivais folclóricos tanto a nivel nacional como internacional. O grupo é o espello no que se miran os nenos e nenas das Escolas. O grupo de Danza está sempre acompañado das Pandereteiras e do Grupo de Gaiteiros. As Pandereteiras constituíronse como grupo  chegando a participar en diversos festivais, colaboraron na grabación e nas actuacións en directo de diversos artistas (Carlos Núñez, Dulce Pontes, Erik Marchand). As Pandereteiras da Asociación acadaron un éxito importantísimo coa grabación do seu propio disco no ano 2002. Previamente xa  colaboraran na grabación de discos de carácter temático.

     Ademáis de tódalas actividades que oferta durante o curso, Xiradela organiza diversos actos folclóricos e culturais:

    • O primeiro acto celebrado pola asociación, no ano 1984, foi o Festival de Fin de Curso, onde os alumnos e alumnas das Escolas de Baile e Música Tradicional amosan o aprendido ó longo do curso.
    • Dende o ano 1987 e de xeito contínuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. O Día da Muiñeira consiste nunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore. Esta celebración tivo unha excelente acollida dende o primeiro ano, nalgunha edición participaron máis de oitocentos bailadores e bailadoras.
    • Dende o ano 2000 celebramos o Concurso de Música Tradicional no mes de abril. O acto está dividido en tres modalidades: Cuartetos de Gaitas, Gaiteiros Solistas e Pandereteir@s. Neste concurso participan nenos e nenas de tódalas idades divididos en categorías. A media de participación anual é de 80 grupos. Este evento é xa unha referencia e un compromiso ineludible no folclore galego.
    • Nos primeiros anos da década dos noventa leváronse a cabo as Semanas Culturais que consistían en exposicións, conferencias, proxeccións de vídeos e talleres de artesanía específicos dos pobos ós que se lle adicaban. 
    • En relación coas festas tradicionais e costumes do noso pobo xuntámonos para disfrutar do Nadal, Entroido, Noite Meiga e Magosto, deste xeito facemos que participen tódolos socios e simpatizantes. O ano pasado celebrouse a II Ruada en Arteixo, coa pretensión de que chegue a ser unha grande festa do folclore e que se consolide como  o fixeron o Día da Muiñeira e o Concurso de Música Tradicional.
    Este é un pequeno resume da actividade que ó longo de 25 anos vimos realizando en Xiradela. Esperamos que vos sirva para coñecernos un pouquiño mellor.


    July 19

    Benvidos!!!

    ¡Saúdos a tod@s!

    A Asociación Xuvenil Xiradela dávos a súa benvida a este pequeno recuncho que prentendemos se convirta nun punto de encontro con todos aqueles que queiran achegarse a nós e coñecernos máis profundamente.

    Para iso, trataremos de mantervos puntualmente informados de tódalas novas que se produzan no noso entorno, así como das distintas actividades, actuacións e demáis actos que organicemos ou nos que tomemos parte.

    Agardamos que este blog vos sexa de utilidade e que vos animedes a achegarnos as vosas impresións, dúbidas, suxerencias,…

    Ata pronto.