Asociación Xuve...'s profileAsociación Xuvenil Xirad...PhotosBlogListsMore Tools Help

Blog


    July 27

    Un ano de éxitos para as Escolas

    O pasado día 15 de xullo rematou, coa participación dos grupos da Escola de Baile "Carabilla" e "Repenicoque" no XXVIII Concurso de Baile Tradicional organizado pola Asociación Xuvenil Xacarandaina, a actividade dos grupos das Escolas de Baile e Música da Asociación.

    E non puido rematar de mellor forma, pois o grupo "Repenicoque" acadou o 3º premio da categoría D . Aquí podedes ver un resumo do ocurrido nesa categoría:

     


    A este premio temos que engadir os que aparecen listados a continuación, que foron conseguidos ó longo deste último curso polos diversos grupos da Asociación:
    • 1º premio da categoría A do II Concurso de Pandereteiros/as da A.C. Os Muiños de Oliveira acadado polo grupo "Chiculateiras"
    • 1º premio da categoría A da modalidade de Pandereteiras do XVIII Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xacarandaina acadado polo grupo "Zapicada"
    • 3º premio da categoría B da modalidade de Pandereteiras do XVIII Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xacarandaina acadado polo grupo "Chiculateiras"
    • 2º premio da categoría A da modalidade de Cuartetos de Gaitas do XVIII Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xacarandaina acadado polo grupo "Furabolos"
    Estes resultados amosan a bóa saúde da que gozan as Escolas da Asociación e esperamos que sirvan de inspiración para que tódolos rapaces e rapazas da Escolas continúen traballando coa mesma ilusión. Dende aquí, a nosa felicitación a tódolos grupos premiados.
    July 24

    Un pouco de historia

    No verán do ano 1.980 un grupo de amigos e amigas  decide reunirse coa finalidade de disfrutar do tempo de lecer. Todos comparten unha mesma afición: o baile tradicional. Forman un grupo de baile e inician unha serie de trámites que os conducen a súa oficialización como asociación. Así, o día 15 de Maio de 1982 nace a Asociación Xuvenil Xiradela con sesenta socios.

    Nun primeiro momento a única actividade que se impartía na Asociación era baile tradicional pero, co paso dos anos e ante o incremento do número de socios, a oferta foise ampliando, primeiro con actividades vencelladas ó folclore como as de pandeireta, tambor e gaita, e posteriormente con outras actividades de tempo libre  como excursións, acampadas, visitas culturais e talleres como os de teatro, manualidades, fotografía, guitarra, encaixe,…algúns dos cales, como o de teatro chegou a ter unha grande relevancia pola súa actividade e premios acadados; se ben a recuperación do folclore da nosa terra constitúe o eixo principal da nosa actividade.

    A Escola de Baile iníciouse, como se dixo anteriormente, con sesenta rapaces, divididos en grupos segundo a idade, contando na actualidade con máis de douscentos alumnos que forman a canteira do Grupo de Danza,  máximo representante da Asociación.

     A Escola de Música Tradicional xorde como unha necesidade do Grupo de Danza de ter os seus propios grupos de acompañamento. Deste xeito no ano 1986 créase o Grupo de Pandereteiras e un ano despois o Grupo de Gaiteiros, os dous con carácter estable. Deses dous grupos de música de acompañamento nace o que  hoxe é a Escola de Música Tradicional. Na actualidade conta con  oitenta alumnos. 

    O Grupo de Danza da Asociación, en representación da mesma, participa nos diversos intercambios, concursos e festivais folclóricos tanto a nivel nacional como internacional. O grupo é o espello no que se miran os nenos e nenas das Escolas. O grupo de Danza está sempre acompañado das Pandereteiras e do Grupo de Gaiteiros. As Pandereteiras constituíronse como grupo  chegando a participar en diversos festivais, colaboraron na grabación e nas actuacións en directo de diversos artistas (Carlos Núñez, Dulce Pontes, Erik Marchand). As Pandereteiras da Asociación acadaron un éxito importantísimo coa grabación do seu propio disco no ano 2002. Previamente xa  colaboraran na grabación de discos de carácter temático.

     Ademáis de tódalas actividades que oferta durante o curso, Xiradela organiza diversos actos folclóricos e culturais:

    • O primeiro acto celebrado pola asociación, no ano 1984, foi o Festival de Fin de Curso, onde os alumnos e alumnas das Escolas de Baile e Música Tradicional amosan o aprendido ó longo do curso.
    • Dende o ano 1987 e de xeito contínuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. O Día da Muiñeira consiste nunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore. Esta celebración tivo unha excelente acollida dende o primeiro ano, nalgunha edición participaron máis de oitocentos bailadores e bailadoras.
    • Dende o ano 2000 celebramos o Concurso de Música Tradicional no mes de abril. O acto está dividido en tres modalidades: Cuartetos de Gaitas, Gaiteiros Solistas e Pandereteir@s. Neste concurso participan nenos e nenas de tódalas idades divididos en categorías. A media de participación anual é de 80 grupos. Este evento é xa unha referencia e un compromiso ineludible no folclore galego.
    • Nos primeiros anos da década dos noventa leváronse a cabo as Semanas Culturais que consistían en exposicións, conferencias, proxeccións de vídeos e talleres de artesanía específicos dos pobos ós que se lle adicaban. 
    • En relación coas festas tradicionais e costumes do noso pobo xuntámonos para disfrutar do Nadal, Entroido, Noite Meiga e Magosto, deste xeito facemos que participen tódolos socios e simpatizantes. O ano pasado celebrouse a II Ruada en Arteixo, coa pretensión de que chegue a ser unha grande festa do folclore e que se consolide como  o fixeron o Día da Muiñeira e o Concurso de Música Tradicional.
    Este é un pequeno resume da actividade que ó longo de 25 anos vimos realizando en Xiradela. Esperamos que vos sirva para coñecernos un pouquiño mellor.


    July 19

    Benvidos!!!

    ¡Saúdos a tod@s!

    A Asociación Xuvenil Xiradela dávos a súa benvida a este pequeno recuncho que prentendemos se convirta nun punto de encontro con todos aqueles que queiran achegarse a nós e coñecernos máis profundamente.

    Para iso, trataremos de mantervos puntualmente informados de tódalas novas que se produzan no noso entorno, así como das distintas actividades, actuacións e demáis actos que organicemos ou nos que tomemos parte.

    Agardamos que este blog vos sexa de utilidade e que vos animedes a achegarnos as vosas impresións, dúbidas, suxerencias,…

    Ata pronto.